martes, 12 de diciembre de 2017

O temporal provoca danos por toda Galicia e agrava os efectos dos incendios de outubro - Iker


A auga regresou a Galicia en plena alerta pola seca, pero fíxoo como parte dun fenómeno destrutivo pola súa intensidade. A borrasca Ana, así denominada por acordo das axencias meteorolóxicas oficiais de España, Portugal e Francia -Meteogalicia non ten ese rango, a pesar de ofrecer habitualmente prognósticos máis precisos sobre o territorio galego- trouxo consigo ventos moi fortes, con refachos superiores aos 130 quilómetros por hora nalgúns puntos e intensísimas precipitacións. A combinación de ambos os fenómenos provocou máis de medio milleiro de incidencias durante o domingo, xornada na que chegaron a quedar sen luz uns 20.000 fogares, segundo Gas Natural Fenosa.
Ao redor de 4.000 vivendas e locais abonados a esta compañía eléctrica, maioritaria en Galicia, continuaban a primeiras horas deste luns sen subministración tras unha xornada na que vento e choiva deixaron imaxes que aínda eran inéditas no tempo transcorrido deste outono. O sur e o leste de Galicia foron as áreas máis afectadas por unhas precipitacións que, segundo as estacións de Meteogalicia, chegaron a deixar ata 144 litros por metro cadrado en Ponte Caldelas. Tamén foron reseñables os 130 litros por metro cadrado recolleitos en Entrimo, 128 en Guitiriz, 127 en Lousame ou 120 en Fornelos de Montes. O contraste entre estas fortes choivas e a seca dos últimos meses é evidente: "a borrasca Ana está a deixar nalgúns puntos de Galicia máis choiva da que caeu en todo o mes de novembro", explicaba Meteogalicia este domingo.



Aínda que o temporal impactou por todo o territorio os seus efectos máis visibles producíronse en áreas urbanas. Entre as sete principais cidades galegas os refachos de vento máis intensas rexistráronse en Vigo, onde o aeroporto de Peinador sufriu incidencias durante toda a xornada -seis voos foron desviados-. O refacho máximo de Vigo, de 94 quilómetros por hora, estivo só un pouco por encima da rexistrada na Coruña, onde ventos de ata 91 quilómetros por hora provocaron problemas como a caída de iluminación e outros elementos decorativos do Nadal e múltiples problemas de tráfico. En Santiago, os ventos de máis de 80 quilómetros por hora levaron consigo as cubertas da piscina de Sar e en Lugo regresaron as inundacións a zonas como a rolda dás Fontiñas.


Segundo os datos da Axencia Galega de Emerxencias, os concellos con máis incidentes foron A Estrada, Vigo, Mos, Pontevedra e Lalín, na provincia pontevedresa, e Santa Comba, Boqueixón, Carballo e Outes, na coruñesa. Entre os municipios lucenses os máis afectados foron Chantada e Antas de Ulla, mentres que A Rúa e Verín foron os que acumularon máis problemas en Ourense.

No hay comentarios:

Publicar un comentario